top of page

Matemáticas contra o lume

  • Foto del escritor: O Raposo Fachón
    O Raposo Fachón
  • 25 mar
  • 2 Min. de lectura

Hoxe tivemos a sorte de recibir a visita de Marta Barreiro, matemática cun percorrido académico e profesional moi interesante e comprometido coa sociedade.

Marta é graduada en Matemáticas pola USC e completou o Máster en Estatística e Investigación Operativa na UPC. Actualmente está a desenvolver a súa tese de doutoramento na UDC, centrada na optimización dos medios de extinción en incendios forestais, un ámbito de enorme relevancia especialmente no noso territorio.



Ademais da súa investigación, Marta traballa no CITMAGA, onde levan anos colaborando cunha empresa especializada en aeronaves de extinción de incendios. Neste contexto, participa no desenvolvemento de ferramentas que contribúen á prevención, á extinción e tamén á rexeneración das zonas afectadas polos incendios.



Durante a súa visita, explicounos de maneira clara e dinámica como se aplican as matemáticas a este campo tan complexo. Falounos do traballo que está a desenvolver na súa tese, do funcionamento das aplicacións que empregan e de como se toman decisións en situacións reais. Para facelo máis práctico, incluso realizamos unha actividade na que nos puxemos na pel de directores de coordinación de aeronaves, tendo que decidir como e onde envialas para combater diferentes incendios.



A sesión continuou cunha entrevista de radio na que Marta respondeu ás nosas preguntas sobre o seu traballo, a súa traxectoria e os retos do seu día a día como investigadora.




Para rematar, tamén tivemos a oportunidade de reflexionar sobre o papel da muller na ciencia. Marta destacou a importancia de visibilizar referentes femininos e de romper estereotipos, lembrándonos que ámbitos como as matemáticas, a tecnoloxía ou a investigación non son exclusivos dos homes.


Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu achegarnos ás

matemáticas desde unha perspectiva práctica e descubrir o seu enorme potencial para resolver problemas reais.

 
 
 

Comentarios


bottom of page