BOMBAS DE VIDA PARA O MONTE
- O Raposo Fachón

- 16 oct 2025
- 1 Min. de lectura
Dentro do noso Proxecto Documental Integrado “Latexo Verde”, centrado na reflexión e aprendizaxe arredor dos incendios forestais, o alumnado participou nunha actividade moi especial que combina conciencia ambiental, ciencia e acción directa sobre o territorio.
Nos últimos días, os rapaces e rapazas elaboraron bombas de sementes, pequenas bólas feitas con terra, arxila e sementes de especies vexetais. Esta técnica permite protexer as sementes e facilitar que, ao caer no chan, poidan xerminar cando cheguen as condicións axeitadas de humidade e temperatura.
Unha vez preparadas, organizamos unha saída ao monte, a unha zona que resultou afectada polos incendios. Alí, o alumnado puido lanzar as súas bombas de sementes co obxectivo de contribuír á recuperación da vexetación. Ademais, tamén participaron nunha tarefa moi importante para a restauración do solo: espallar palla, que axuda a protexer a terra da erosión, conservar a humidade e favorecer que as sementes poidan prender. Esta iniciativa levouse a cabo coa colaboración da familia dun alumno do centro.
Ademais tamén se instalou unha cámara de fototrampeo para ver o movemento de animais nas zonas queimadas e comparala coas que non están queimadas.

Esta experiencia permitiu comprender mellor as consecuencias dos incendios forestais e, ao mesmo tempo, descubrir que cada pequena acción pode contribuír á recuperación da natureza. Foi unha xornada de aprendizaxe, convivencia e compromiso co noso medio.
Con actividades coma esta seguimos facendo que o noso Latexo Verde se escoite máis forte, lembrando que coidar dos montes é unha responsabilidade de todos e todas.























Comentarios