CLUB DE LECTURA 5º O BOSQUE ANIMADO
- O Raposo Fachón

- 27 nov
- 1 Min. de lectura
Esta semana iniciamos oficialmente o club de lectura co alumnado de 5.º de Primaria, unha das actividades máis especiais da nosa biblioteca. Este curso, todas as lecturas escollidas están vinculadas á temática do PDI “Latexo Verde”, centrado na natureza, a flora, a fauna e o noso patrimonio ambiental.
Para comezar esta aventura lectora, escollemos unha obra moi significativa: O bosque animado, un libro perfecto para mergullarnos na maxia dos bosques e na súa vida agochada.

Pero a descuberta do título non foi tan sinxela…As nenas e nenos tiveron que resolver un pequeno reto inicial: ordenar unha serie de árbores, cada unha cunha sílaba do título. Só ao colocalas na orde correcta podían descifrar un código secreto que lles permitía abrir unha caixa pechada cun cadeado, onde se gardaban os exemplares do libro.
A emoción foi máxima cando, tras resolver o enigma, conseguiron abrir a caixa e coller os seus libros por primeira vez. Así comezamos esta nova etapa do club: con curiosidade, ilusión e moitas ganas de compartir lecturas que nos axuden a conectarnos coa natureza.
Seguiremos informando das nosas descubertas…Boas lecturas e bo camiño polos bosques animados da imaxinación!

















Comentarios