Grupo de alumnado voluntario da biblioteca: unha experiencia de compromiso e participación

Durante este curso escolar puxemos en marcha un grupo de alumnado voluntario en liña co programa de Bibliotecas Solidarias, co obxectivo de fomentar a participación activa do alumnado na organización, coidado e dinamización da biblioteca escolar.
Este grupo estivo formado por nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria, que demostraron un gran interese, responsabilidade e implicación en todas as tarefas realizadas ao longo do curso.
As súas funcións foron moi variadas e fundamentais para o bo funcionamento da biblioteca. Entre elas, encargáronse da colocación e organización dos libros nos andeis, do etiquetado de materiais e da colaboración na vixilancia e apoio ao alumnado durante os recreos de apertura da biblioteca.
Ademais, tamén participaron activamente no montaxe de novos mobles para a biblioteca, contribuíndo a mellorar os espazos de lectura e traballo. A súa colaboración estendeuse igualmente á creación de materiais de apoio e á dinamización de diferentes ambientes durante a xornada de “Tecendo historias”, unha actividade na que a biblioteca se converteu nun espazo vivo e cheo de propostas creativas.
Outro dos aspectos máis enriquecedores deste proxecto foi a súa participación na toma de decisións, especialmente a través das reunións mensuais que se realizaban ao longo do curso. Nestes encontros tratábanse diferentes temas relacionados co funcionamento da biblioteca, pero sobre todo era un espazo no que o alumnado podía expresar as súas ideas, propostas e suxestións de mellora.
Estas achegas foron moi valiosas, xa que permitiron adaptar a biblioteca ás necesidades reais dos seus usuarios e usuarias, facendo do espazo un lugar máis próximo, dinámico e participativo.
Sen dúbida, este grupo de voluntariado supuxo unha experiencia moi positiva tanto para o alumnado participante como para o conxunto da comunidade educativa, reforzando valores como a responsabilidade, a cooperación e o compromiso coa lectura e coa biblioteca escolar.
Seguiremos apostando por este tipo de iniciativas que fan da biblioteca un espazo compartido, vivo e construído entre todos e todas.








Comentarios