MESA DA CIENCIA EN GALEGO
- O Raposo Fachón

- 28 nov 2025
- 2 Min. de lectura
Durante este mes celebramos na biblioteca o Mes da Ciencia en Galego, unha oportunidade perfecta para aprender investigando, facendo preguntas e experimentando. Nesta ocasión, as actividades estiveron relacionadas co noso Proxecto Documental Integrado Latexo Verde, no que estamos a traballar arredor dos incendios forestais e da importancia de coidar os nosos montes.
Ao longo destas semanas, as nenas e nenos convertéronse en auténticos científicos e científicas, realizando diversos experimentos para comprender mellor como se produce o lume e que factores inflúen nos incendios.
Un dos primeiros conceptos que descubrimos foi o triángulo do lume. A través de pequenos experimentos puidemos comprobar que para que exista lume teñen que darse tres elementos fundamentais: combustible, osíxeno e calor. Se falta un deles, o lume non pode producirse ou apágase.
Presentación Triángulo do lume.
Tamén investigamos que condicións se teñen que dar para que se produza un incendio. Falamos da importancia da temperatura, da presenza de materiais que poidan arder e das condicións ambientais, como o vento ou a sequidade do terreo, que poden facer que o lume se propague con maior facilidade.
Outro dos experimentos que máis curiosidade espertou foi comprobar se todos os materiais arden da mesma forma. O alumnado puido observar que algúns materiais prenden con moita rapidez, mentres que outros tardan máis ou mesmo non arden con facilidade. Isto permitiunos reflexionar sobre como inflúen os diferentes tipos de vexetación nos incendios forestais.
Estas actividades permitiron aprender ciencia dun xeito práctico e participativo, fomentando a curiosidade, a observación e o pensamento crítico. Ademais, axudaron a comprender mellor por que se producen os incendios e que podemos facer para previlos.



















Comentarios