top of page

Wangari e as árbores da paz: sementando esperanza polo Día da Paz

  • Foto del escritor: O Raposo Fachón
    O Raposo Fachón
  • 2 feb
  • 2 min de lectura

O pasado 30 de xaneiro, con motivo da celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, realizamos unha actividade moi especial na nosa biblioteca, estreitamente relacionada co noso Proxecto Documental Integrado “Latexo Verde”.


Nesta ocasión, achegámonos á fermosa historia de “Wangari e as árbores da paz”, un relato inspirado na vida de Wangari Maathai, activista ambiental e Premio Nobel da Paz, que nos transmite unha importante mensaxe: todas as persoas podemos contribuír a construír un mundo mellor a través de pequenos xestos.


A lectura permitiunos reflexionar sobre o valor da paz, o respecto pola natureza e a importancia de implicarnos no coidado do noso entorno. Wangari ensinounos que plantar unha árbore é moito máis que un simple acto: é unha forma de protexer a vida, coidar a terra e sementar esperanza para o futuro.


Esta mensaxe encaixa perfectamente cos obxectivos do noso proxecto Latexo Verde, centrado na conservación dos nosos montes e na prevención dos incendios forestais. Durante a actividade falamos sobre cuestións fundamentais:

🌱 Previr os incendios é responsabilidade de todas e todos.

🌱 Coidar os montes é coidar a nosa comunidade e o noso futuro.

🌱 As pequenas accións poden xerar grandes cambios cando traballamos xuntos.


Como peche da actividade, o alumnado elaborou uns fermosos corazóns con sementes de flores no seu interior. Cada neno e nena levou o seu corazón para a casa co compromiso de plantalo e coidalo, converténdose así nun símbolo de paz, esperanza e amor pola natureza.



Con este pequeno xesto queremos lembrar que, igual que unha semente pode transformarse nunha flor, as nosas accións tamén poden medrar e contribuír a crear un mundo máis sostible, solidario e en paz.



Comentarios


bottom of page