CLUB DE LECTURA 5º-6º: OS ECOS DO LUME
- O Raposo Fachón

- 15 jun
- 3 min de lectura
Descubrindo a lectura
Para iniciar esta nova aventura lectora, realizamos un divertido xogo do Aforcado, a través do cal o alumnado foi descubrindo pouco a pouco o título do libro. Esta actividade serviu para espertar a curiosidade e crear expectación arredor da historia que iamos compartir.
Un percorrido polos capítulos
Capítulo 1: A introdución e a atmosfera
Nos primeiros compases da historia coñecemos a Noa e a súa chegada á aldea. A calor extrema, o cheiro a fume e unha casa chea de ecos crean unha atmosfera misteriosa que envolve o lector desde o primeiro momento. Para traballar este capítulo, o alumnado realizou un resumo reflexivo que lles permitiu situarse no contexto da narración e prepararse para as actividades posteriores. Ademais, participaron nun xogo de frases verdadeiras e falsas relacionadas cos acontecementos do capítulo.
Capítulo 2
Neste capítulo centrámonos especialmente nos sentimentos e emocións que transmite a historia. A través do diálogo e da reflexión compartida, o alumnado expresou as súas impresións e analizou como se sentían os personaxes e como lles afectaban os acontecementos narrados.
Capítulos 3 e 4
A lectura destes capítulos serviunos para reflexionar sobre as consecuencias dos incendios forestais. O alumnado puxo en práctica a súa capacidade de empatía imaxinando como se sentiría un bosque despois de sufrir un gran incendio e compartindo as súas reflexións co grupo.
Capítulos 5 e 6: “Un camiño, unha beizón”
Noa comeza a explorar o exterior e descobre un camiño que lle ofrece unha conexión especial coa natureza, converténdose nun símbolo de protección e esperanza. Como actividade complementaria realizamos O Camiño das Pegadas, unha dinámica de escoita activa na que o alumnado seguiu pistas relacionadas coa historia. Tamén participaron nun Kahoot para comprobar a comprensión lectora e afondar nos elementos máis inquietantes destes capítulos.
Capítulos 6 e 7: A senda da prata e o fogar perdido
A historia afonda nas consecuencias do lume e na perda dos fogares de moitos seres vivos. Ademais, aparece un misterioso rastro de prata que abre novas incógnitas na investigación de Noa. A partir desta lectura, o alumnado creou un rastro de prata no chan e participou nun debate sobre o que farían os “migrantes” sen esa pista, relacionando a perda co valor da esperanza e da solidariedade.
Capítulo 8
O misterio adquire unha nova dimensión cando Noa comeza a escoitar ecos e mensaxes que parecen chegar desde o pasado a través do vento. Para traballar esta parte da obra realizamos unha dinámica de escoita activa e elaboramos un crebacabezas coa frase: “O lume nunca esquece o que a aldea quere gardar en silencio”.
Capítulo 9: O segredo da pedra
Neste capítulo a pedra convértese nun símbolo fundamental, gardando os segredos da aldea e conectando pasado e presente. O alumnado completou unha sopa de letras con termos clave da historia, como “vento”, “pedra” e “lume”, e realizou unha actividade artística creando a súa propia “Pedra do Segredo”.
Capítulos 10 e 11: O peche do caso
A historia chega á súa resolución e invita a reflexionar sobre a memoria da terra e a importancia de non esquecer o pasado. Para pechar a lectura desenvolvemos a actividade O Tribunal dos Segredos, un debate no que o alumnado defendeu diferentes puntos de vista sobre os acontecementos da obra. Como remate, elaboraron unha Mensaxe na Botellana que recolleron reflexións e aprendizaxes extraídas da lectura.
Valoración final
Ao longo desta experiencia lectora, o alumnado conseguiu conectar coa intensa carga emocional da obra, converténdose en auténticos investigadores da memoria. Ademais de mellorar a súa comprensión lectora, destacaron pola súa capacidade de argumentación, reflexión crítica e sensibilidade cara aos problemas ambientais e sociais presentes na historia.
O uso de dinámicas creativas, actividades manipulativas e elementos de gamificación permitiu manter unha elevada motivación durante todo o proceso. Como broche final, cada participante recibiu o seu Diploma de Detective da Memoria, un recoñecemento simbólico que serviu para celebrar o seu compromiso e participación nesta enriquecedora aventura lectora.








Comentarios