II Encontro “Tecendo historias”
- O Raposo Fachón

- 4 may
- 2 min de lectura
Unha mañá para compartir lecturas, creatividade e convivencia
Con motivo da celebración do Día do Libro, organizamos a segunda edición do encontro “Tecendo historias”, unha xornada moi especial que nace co obxectivo de reunir ao alumnado e ao conxunto da comunidade educativa arredor dos libros, da lectura e das historias compartidas.
Durante toda a mañá, a praza do Concello converteuse nun gran espazo de encontro no que os libros foron os auténticos protagonistas. Ademais dunha exposición de libros ao aire libre, preparáronse diferentes ambientes e propostas de actividades inspiradas en obras literarias e temáticas diversas, co propósito de achegar a lectura dun xeito lúdico, participativo e creativo.
Nun dos recunchos, os máis pequenos puideron gozar da historia de Os tres porquiños, acompañada de bonecos relacionados co conto. Noutro espazo, os libros de arquitectura serviron de inspiración para construír edificios e estruturas co material Kapla, dando renda solta á imaxinación e á creatividade.
Os poemas e ilustracións de Bechopoemas deron lugar a unha actividade artística na que os participantes decoraron pedras representando diferentes bechos. Tamén houbo un recuncho dedicado ás viaxes, onde os libros sobre diferentes lugares do mundo se complementaron cun obradoiro de origami no que se elaboraron barcos e avións de papel.
A xornada contou ademais cun espazo dedicado ao PDI e cun teatro de marionetas de madeira, elaboradas previamente polo propio alumnado, que permitiu representar os contos Corre, corre, cabaciña e Os chivos chivóns, enchendo a praza de emoción, risas e aplausos.
Outro dos momentos máis agardados foi a sesión de contacontos, que amenizou a mañá e conseguiu captar a atención de grandes e pequenos, facendo que as historias cobrasen vida dunha maneira moi especial.
Ademais, e en colaboración co programa de Radio Escolar, os nenos e nenas voluntarios da biblioteca asumiron o papel de reporteiros e reporteiras por un día. Ao longo da xornada foron entrevistando tanto aos participantes máis pequenos como ás persoas adultas que se achegaron ao encontro, formulándolles preguntas sobre os seus hábitos lectores, os libros que máis lles gustan e as actividades desenvolvidas durante a mañá. Esta iniciativa permitiu recoller impresións moi interesantes e dar voz a todos os membros da comunidade que formaron parte desta celebración da lectura.
Para poñer o broche final ao encontro, compartimos unha merenda na que non faltaron elaboracións realizadas polo alumnado o día anterior, convertendo este momento nunha auténtica celebración da convivencia e do traballo compartido. Nesta ocasión tamén contamos coa colaboración da Taberna do Ardillas, que quixo sumarse á celebración ofrecendo chocolate para todas as persoas asistentes. Grazas a este xesto, grandes e pequenos puideron desfrutar dun doce final para unha mañá chea de libros, historias e momentos compartidos.
Nesta segunda edición de Tecendo historias tivemos a sorte de contar coa participación das familias, de veciños e veciñas da contorna e dos nenos e nenas das Casas Niño de Laza e de Retorta, que contribuíron a crear un ambiente acolledor e cheo de vida.
Queremos agradecer a todas as persoas que participaron e colaboraron nesta actividade, facendo posible unha xornada inesquecible na que os libros serviron, unha vez máis, para unir persoas, compartir experiencias e tecer novas historias xuntos.







Comentarios