Cecilia e a súa boneca: unha historia para aprender sobre a igualdade
- O Raposo Fachón

- 10 nov 2025
- 1 min de lectura
A nosa biblioteca converteuse recentemente nun espazo de encontro, reflexión e aprendizaxe grazas á representación teatral “Cecilia e a súa boneca”, unha actividade centrada na promoción da igualdade e dos valores que favorecen unha convivencia respectuosa e inclusiva.
Esta iniciativa foi posible grazas á colaboración da asociación Ponte Farruca, que promove diferentes actividades culturais e sociais na nosa contorna, e que fixo posible que o noso alumnado puidese gozar desta proposta educativa.
A representación correu a cargo da compañía A Run Run Xogos e Enredos, que levou á biblioteca do centro unha historia chea de sensibilidade e emoción. A través dos seus personaxes e situacións, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de reflexionar sobre temas tan importantes como a amizade, o amor, a empatía e o respecto ás diferenzas.
Ao longo da función, o alumnado participou activamente, compartindo impresións e emocións, nun ambiente próximo e dinámico que favoreceu a comprensión da mensaxe da obra. A historia de Cecilia serviunos para dialogar sobre a importancia de construír relacións baseadas no respecto mutuo, na igualdade de oportunidades e na aceptación das persoas tal e como son.
Este tipo de actividades permiten complementar o traballo que realizamos diariamente nas aulas, contribuíndo á formación de nenos e nenas máis conscientes, respectuosos e comprometidos coa construción dunha sociedade máis igualitaria.
Queremos agradecer á asociación Ponte Farruca e á compañía A Run Run Xogos e Enredos a súa visita e a súa implicación, así como a oportunidade de compartir unha experiencia tan enriquecedora que, sen dúbida, deixou unha fonda pegada no noso alumnado.







Comentarios